miércoles, 22 de enero de 2020

martes, 14 de enero de 2020

CONCURSO ODISEA 2020



    A Sección galega da Sociedade Española de Estudios Clásicos (S.E.E.C.) convoca a décimo quinta edición do concurso ODISEA, no que poderán participar todos os alumnos e alumnas que así o desexen, pertencentes a calquera dos Centros Oficiais de Ensino Secundario de Galicia. Terá lugar entre os días 3, 4, 5 e 6 de febreiro (primeira fase), e os días 12 e 19 de febreiro (desempate local e fase final estatal respectivamente), segundo se detalla no calendario adxunto. Este certame, malia que aberto a todos os alumnos e as alumnas dos Centros, está dirixido principalmente aos profesores e alumnos de Cultura Clásica, Latín e Grego, e non pretende outra cousa que sacar a Cultura Clásica das aulas, alomenos por uns días. Recordamos que a idea orixinal deste concurso debémoslla ás profesoras Ángeles Burgos González e María F. Loira Santiago, dos departamentos de Grego e Latín do IES “David Buján” de Cambre, non sendo este máis que unha versión “en liña” do seu concurso.

    Navegaremos nesta nova aventura de ODISEA 2020 achegándonos a un novo tema: O deporte en Grecia e Roma A nosa Odisea 2020 vístese con prendas deportivas disposta a xogar e a competir máis que nunca, se cabe, e a coroar de oliveira aos vencedores. Estamos en 2020, ano olímpico, a Cultura clásica ponse á última moda, a actualidade alíase coas orixes clásicas dos certámenes atléticos. Nada menos que doce séculos duraron as Olimpiadas da Antigüidade desde o VIII a.C. ata o IV d.C. Os JJOO modernos rexurdiron a finais do XIX e cumpren agora algo máis dun século; non é nada en comparación cos antigos e é moito, pois o rexurdir do clásico respírase en cada competición: o espírito olímpico, a chama de Olimpia, sobreviviu, renaceu e consolidouse en todo o mundo. E vai a máis. Animamos aos nosos xoves Odiseos a vestirse cómodos, calzarse as súas deportivas, adestrar o seu corpo e a súa mente, quentar os seus músculos e os seus cerebros, poñer a punto os seus ordenadores, os seus libros, notas e todo o material competitivo necesario para o certamen que se aveciña, que será olímpico, ¡por Zeus!